Tuesday 21 de May de 2024

Feijóo reitera o compromiso da Xunta para dotar o empresariado galego dos instrumentos axeitados para medrar, diversificar, adaptarse aos tempos e abrir novos mercados


Subliña que Galicia conta con empresarios fortes e comprometidos, decididos a levar a Galicia “cara a maiores cotas de competitividade e de excelencia”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou o compromiso do Executivo autonómico por dotar os empresarios e emprendedores galegos dos instrumentos necesarios que lle posibiliten medrar, emprender, diversificar, adaptarse aos tempos e expandirse cara a novos mercados. “Este é o cometido co que estamos firmemente comprometidos no Goberno galego, unha tarefa á que consagramos as nosas enerxías”, abundou.

Durante o acto de entrega do II Premio á Excelencia Empresarial, do Club Financeiro de Santiago, que premia a traxectoria profesional de Emilio Pérez Nieto, o mandatario galego destacou o impulso que a Xunta lle está a dar á diversificación e á internacionalización do tecido empresarial da Comunidade conscientes, dixo, “de que ampliar a actividade cara a novas áreas económicas e competir nos mercados exteriores é a mellor fórmula para saír da crise –primeiro-, e estabilizar a nosa economía e consolidar un escenario de crecemento –despois”.

Nesta liña, Feijóo salientou que o Plan de diversificación industrial, un proxecto de renovación da industria galega que será presentado “en breve”, busca impulsar os sectores máis asentados en Galicia, orientándoos cara á innovación e á internacionalización, e tamén abrir espazo a novas áreas económicas que poden ser punteiras no futuro.

Esta iniciativa centrará os recursos públicos cara a tres eixes de actuación prioritarios: a diversificación dos sectores máis relevantes da economía galega; a xeración de cadeas de valor completas en Galicia; e o desenvolvemento de actividades que provean á industria de tecnoloxía, como poden ser a biotecnoloxía, as TIC e a fabricación avanzada. “Esta actualización industrial pretende ser útil para a economía galega do mañá”, aseverou o presidente da Xunta, indicando que o plan busca aumentar o peso da industria no PIB de Galicia desde o 13% actual ata o 20%, e conseguir 50.000 novos empregos industriais, un incremento do 26%.

Xunto coa diversificación, o presidente galego situou a expansión cara ao exterior como outra das claves do crecemento de Galicia, unha liña que o Executivo autonómico quere potenciar a través da Estratexia de Internacionalización da empresa galega, que está poñendo en común cos axentes económicos e sociais da Comunidade. Este programa de fomento da presenza do sector empresarial galego en novos mercados prevé, entre outras medidas, a identificación daqueles sectores e destinos que presenten mellores oportunidades ou o lanzamento de plans específicos para os dez sectores máis importantes e representativos da economía galega: téxtil, automoción, naval, agroalimentario, TIC, biotecnoloxía, enerxía, forestal, sector da pedra e enxeñaría-consultoría.

O obxectivo, lembrou Feijóo, “é que as exportacións galegas se incrementen en máis dun 25%, ata superar os 23.000 millóns de euros; acadar un crecemento do 25% no número de empresas exportadoras, chegando ás 8.000; e aumentar a participación das exportacións no PIB ata o 40%”.

Empresarios comprometidos con Galicia
Na súa intervención, o titular da Xunta amosouse confiado en que nese camiño que está a impulsar o Goberno galego para lograr “a tan ansiada recuperación” contará coa “responsabilidade e coa implicación” do empresariado galego xa que, dixo, ao longo da historia, ten “dado sobradas mostras do seu compromiso con esta terra”. A este respecto, incidiu en que a Comunidade conta cun empresariado “forte e comprometido” que confía nas súas potencialidades para encarar o futuro e que está decidido a levar Galicia “cara a maiores cotas de competitividade e de excelencia”.

Respecto a Emilio Pérez Nieto, galardoado hoxe co II Premio á Excelencia Empresarial, Feijóo destacou a súa traxectoria á fronte do grupo Pérez Rumbao, líder no sector da automoción en Galicia, pero tamén o seu “forte arraigo e compromiso coa terra”, como así o demostrou nos postos de responsabilidade que desempeñou no pasado, e o segue a facer actualmente, á fronte da Asociación de Concesionarios de Galicia e da Asociación Galega da Empresa Familiar ou como membro da Fundación Galicia Empresa. O presidente da Xunta resaltou que, con este premio, o Club Financeiro de Santiago non só recoñece a Emilio Pérez Nieto polo seu prestixio empresarial ou pola súa dilatada traxectoria profesional senón tamén, e sobre todo, “polo seu exemplo como empresario comprometido cos galegos e con Galicia”.